Friday 29 de March de 2024

A Xunta colabora co Arcebispado de Santiago na posta en valor do patrimonio coa apertura de Igrexas no Camiño


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asinou hoxe co ecónomo do arcebispado, Fernando Barros, os convenios nos que a Xunta aporta 180.000 euros para colaborar na ampliación de horario de apertura de 11 igrexas na cidade compostelá e na instalación de reixas noutras 16 do Camiño Francés e Portugués para ver o seu interior

― Alfonso Rueda sinala o Camiño de Santiago como elemento clave na recuperación turística da comunidade con máis de 140.000 peregrinos e cifras de turistas este verán similares a antes da pandemia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co ecónomo do Arcebispado de Santiago de Compostela, dous convenios por 180.000 euros para colaborar na posta en valor do patrimonio do Camiño facilitando a veciños e peregrinos coñecer o valor histórico e artístico das igrexas máis vencelladas ás rutas xacobeas. Tamén participou no acto o bispo auxiliar do arcebispado, Francisco José Prieto Fernández.

Por unha parte, o Goberno galego achega 80.000 euros para facilitar a ampliación do horario de apertura de 11 igrexas da cidade de Santiago de Compostela coa contratación de persoal que se encargue do seu coidado e de atender aos visitantes. A medida inclúe as igrexas de San Lázaro, San Pedro Apóstolo, a Capela das Ánimas, San Bieito do Campo, San Paio de Antealtares, a igrexa das Mercenarias, a de San Miguel dos Agros, San Roque, San Fructuoso, San Fiz de Solovio e Santa María Salomé.

Por outra banda, a Xunta destinará outros 100.000 euros para colaborar na instalación de reixas ou na apertura de habitáculos que permiten coñecer o interior doutras igrexas que permanecen pechadas por razóns de seguridade. A iniciativa porase en marcha en 6 templos do Camiño Francés e noutros 10 do Camiño Francés, as rutas máis transitadas polos peregrinos.

Alfonso Rueda destacou que o Camiño de Santiago é o principal reclamo turístico da comunidade e foi clave xunto co Xacobeo 21-22, motor da reactivación do sector, na recuperación da demanda turística neste verán. No que vai de ano xa selaron a Compostela máis de 140.000 peregrinos, a cifra que estaba prevista acadarse a finais de ano e, ademais, Galicia rexistrou este verán valores moi próximos aos datos prepandemia, sendo en agosto a única comunidade en superar os resultados de 2019.
Axudas para equipamentos poscovid

O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que a posta en marcha de medidas como o seguro coronavirus para reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade ou a campaña Camiña a Galicia axudaron a recuperar a confianza dos viaxeiros este verán.

Ademais, o Goberno galego vén axudando desde o inicio da pandemia ao sector turístico na súa reactivación e neste ano leva investidos máis de 120 millóns de euros, entre os 31,2 millóns de distintas convocatorias para empresas de sector e para iniciativas de concellos e asociacións relacionadas con este ámbito, xunto cos máis de 90 millóns abonados á hostalería das axudas dos dous Plans de Rescate da Xunta.

A Xunta aprobou hai pouco máis dun mes outro paquete de medidas por 16 millóns de euros con catro liñas. Xa están publicadas as ordes de 350.000 euros para apoiar ás axencias de viaxes, de 3,5 millóns de euros para melloras en infraestruturas turísticas de concellos de ata 10.000 habitantes, e a de 6 millóns coa que fomentar a implantación de sistemas de dixitalización en establecementos hostaleiros. O paquete complétase con outra orde doutros 6 millóns de euros tamén para os negocios hoteleiros e de restauración que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia e que contribuirá á súa modernización e mellora da competitividade mediante investimentos en equipamentos postcovid.

As subvencións financiarán os gastos na instalación de sistemas de ventilación como medidores de CO2, ionizadores ou dispensadores; melloras nos locais para crear espazos de maior amplitude; ou sistemas de domotización, entre outras actuacións.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ata o vindeiro 7 de novembro.